30.9.11

ENTREVISTA A AGUSTíN FERNÁNDEZ PAZ





Deixamos aquí o link á entrevista en R5 que lle fixeron o pasado 26 de setembro ao noso querido Agustín Fernández Paz.
Fala sobre a súa experiencia como docente, sobre a súa intención de mudar o mundo a través da educación, sobre o oficio de escritor, a paixón de crear...


É un luxo escoitalo:

23.9.11

A ARTE DE ILUSTRAR LIBROS: POR XAVIER QUEIPO



A miña experiencia como lector
Engaiolar, atraer, entusiasmar, asombrar, abraiar, pasmar son verbas que veñen á mente cando lembro aquelas coleccións da miña nenez (colección Historias, de Editorial Molino) que ofrecían a posibilidade dunha lectura dupla. Por unha banda estaba o texto completo, que contaba a historia de principio a fin. Mergulladas no texto, en paralelo, aparecían convenientemente espaciadas as viñetas que dialogaban a acción do texto e que o facían máis atractivo para unha primeira lectura infantil. Eu seguía a técnica de ler primeiro as viñetas e logo, se estas me engaiolaban, lía o texto completo. Co paso do tempo (ese bendito costume da relectura) regresei moitas veces a aquelas historias, e fíxeno con certeza porque as ilustracións, que actuaron no seu día como engado, como isco ensartado nun amocelo, me prenderon xa para sempre.

Máis adiante, xa mozo, comecei a mercar libros en galego onde Luís Seoane e outros ilustradores destilaban pingas da súa arte no deseño de ilustracións para textos literarios. Eran traballos sinxelos, coido eu, mais marcaban diferencias, que permitían soñar a historia dun xeito distinto.

Así e todo, os casos citados entendían a ilustración como un complemento ó texto, como algo suxerinte de vez, mais totalmente ao servizo do texto. Esto está ben (se permiten a ortodoxia) para as portadas dos libros, que deberían actuar como reclamo para que o lector potencial bote man do libro nos andeis ou nas mesas das librerías e para lle dar unha orientación —mesmo abstracta— sobre de que vai o texto. Para os textos ilustrados (se permiten a heterodoxia) eu quixera que texto e ilustración constituisen versións distintas dunha mesma historia de xeito que non houbese ningunha manifestación artística que se vise limitada vicariamente pola outra. Nin que a ilustración estivese ó servicio do texto, nin viceversa.

A miña experiencia como autor
Funme acostumando así, ao longo dos anos, a que os libros (os que me gustaban) tivesen algún tipo de ilustración. Collín un gusto especial pola asociación entre ambas as dúas artes —ilustración e escrita— e sempre que puiden incluín deseños gráficos nos meus libros. Chamei polos meus amigos Fausto Isorna, Ce Tomé e Euxio Noceda que fabricaron as súas colaxes, respectivamente, para Contornos, Mundiños e Manual de Instruccións. A seguir, Maite Ramos e José Cisneros, aportaron os seus deseños fantásticos en O espello e o dragón e A illa dos cangrexos violinistas, repectivamente.

O sentido que eu lle dou a ilustración de textos literarios, é o de paralelismo. Non se trata de que o ilustrador “ilumine” o texto con deseños explicativos (iso queda moi ben para os libros técnicos, onde unha imaxe pode axudar —e mesmo debe facelo— á comprensión do texto), senón de que con base no texto constrúa unha versión da historia desde a súa aproximación artística.

Esta é a xeneralidade, mais nin sempre ten que ser esta a técnica seguida. Como todas as regras engrandécese polas excepcións (e engrandécese máis se a norma é revisábel). Ás veces o texto precisará de gráficos, mapas, fotografías, deseños, etc, que actúen como complemento necesario do texto literario. Este é o caso dos libros de viaxes e de aventuras, que sempre causaron en min unha fonda atracción. Un día fíxen aínda esta pregunta (de cando en vez está ben facerse preguntas a un mesmo, a xeito de autoanálise): pódese entender un libro de viaxes sen un complemento gráfico? Non para o meu gusto. Un libro de viaxes ou de aventuras gaña moito cuns bos mapas que nos sitúen no lugar onde acontecen os feitos que se relatan. Os mapas non teñen que ser necesariamente precisos e, moitas veces, nin tan sequera teñen que corresponder coa realidade do mundo, senón recrear a realidade do que se conta, para que o lector continúe soñando en paralelo. Sufrín moito (e sentín nas miñas carnes a febleza que os máis dos escritores temos diante do negocio editorial) cando as dúas novelas de aventuras que escribín nos anos 90 (Malaria sentimental e O Paso do Noroeste) non puideron levar uns mapas que situasen aos lectores, que explicasen as rutas, que lles abrisen as portas a mundos novos. Os máis puristas (o mundo está cheo de clasistas de todo tipo e condición) diranme que para iso están os atlas, pero eu podereilles contestar que abrir un atlas (sempre foron os meus libros favoritos) e busca-la localización de Pomoutú ou das illas Gilbert non é o mesmo que ter nas mans En los mares del Sur de Stevenson e consultar cada pouco o mapa que leva anexado. Xa non digamos as xeografías de pura ficción como as de Tolkien, onde o mapa é unha necesidade para entende-lo texto. Como corolario desta pequena disertación podería dicir que nunha sociedade como a que vivimos, onde a lectura non é atractiva en si mesma para capas cada vez máis numerosas da poboación (nadas na cultura da imaxe), a mestura de ilustración e texto podería sen un alicerce, un estímulo para facer atractivos algúns libros (os meus, entre eles; por qué non tirar pedras contra o propio tellado se é o único xeito de facer barullo?) que doutro xeito resultan un punto menos engaiolantes.

Xavier Queipo (Compostela, 1957). Dende 1990 escribe e publica regularmente en galego É autor, entre outros libros, de: Ártico e outros mares (narrativa breve, 1990); Ringside (contos, 1993), O paso do Noroeste (novela, 1996); Malaria sentimental (novela, 1999); Papaventos (novela, 2001); O ladrón de esperma (contos, 2001); Os ciclos do bambú (contos, 2003); Glosarios (poesía, 2004); O espello e o dragón (literatura infantil, 2005), Dragona (novela, 2007); Caderno da Revolución Cultural (crónicas radiofónicas, 2007); Saladina (novela, 2007); Felices e diferentes (crónicas radiofónicas, 2009); A illa dos cangrexos violinistas (literatura infantil, 2009); Cartas marcadas (ensaio, 2010); Ártico 2.0 (narrativa breve, 2011); e Extramunde (novela, 2011). Membro do Dichterscollectif van Brussel dende 2007. Recibiu varios premios en Galicia e o Premio da Crítica española en 1991. Ten participado en numerosos libros coletivos e antoloxías, traducido do francés ao galego a Amin Maalouf e Hervé Guivert, e do inglés a Conrad e Joyce.

22.9.11

ENLACE AO BOLETÍN DO OBSERVATORIO DA LECTURA E O LIBRO




O Observatorio da Lectura e o Libro é un organismo adscrito ao Ministerio de Cultura a través da Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, que nace co propósito de analizar permanentemente a situación do libro, a lectura e as bibliotecas no seu conxunto.
De xeito periódico publican un completísimo boletín dixital. Na súa sétima edición, o Boletín recolle os últimos datos do sector editorial e hábitos lectores en España, así como importantes acontecementos entre os que, a chegada de Amazon.es, ocupa un lugar destacado.

De agora en diante, iremos colgando estes boletíns no noso apartado de Ligazóns, que podedes atopar á dereita das vosas pantallas.
Estamos seguros de que está información será do voso interese.

21.9.11

A LITERATURA INFANTIL MODERNA EN EÚSCARO




Un estudo repasa as claves e retos da literatura infantil moderna en eúscaro.
O volume, editado pola UPV, analiza a obra dos autores máis relevantes desde os anos 80 ata a actualidade.

A obra aborda títulos e escritores, xunto a temáticas e correntes, o teatro, a poesía... No terreo dos datos analiza o sistema literario que naceu na década dos 90, a situación do mercado, a redución das tiradas.

Unha ampla análise, en definitiva, do papel da LIX no panorama literario vasco.
Podes ler o artigo completo premendo aquí.

20.9.11

FINALISTAS DO PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO




Velaquí o listado dos finalistas da VIII EDICIÓN DO PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO.
Este é un premio moi especial, porque son os escolares de Galicia quen deciden os premiados en cada categoría.

Desexámoslle moita sorte a todos e todas as finalistas.

1ª CATEGORÍA (1º e 2º de EP):
 CARREIRO, ABRAHAM, As espiñas do porco espiño, Ed. A nosa terra.
 CORLEONE, MARÍA, María, Ed. Everest.
 VÁZQUEZ FREIRE, MIGUEL, Xurxiño quere ser…, Baía Edicións

2ª CATEGORÍA (3º e 4º de EP):
 LÓPEZ GÓMEZ, CARLOS, A peripecia de Roi, Ed. Edelvives.
 YÁNEZ CASAL, ANTONIO, Xoa, Ed. Xerais.
 PINTO & CHINTO, Contos para nenos que dormen deseguida, Ed. Kalandraka.

3ª CATEGORÍA (5º e 6º de EP):
 GONZALEZ COSTA, TERESA, A filla do ladrón de bicicletas. Ed. Xerais.
 VILA SEXTO, LETICIA, Os tratantes de papagaios, Ed. Galaxia
 DARRIBA, MANUEL, Brais e os demais, Ed. Galaxia.

4ª CATEGORÍA (1º e 2º de ESO):
 GALLEGO, ELENA, Dragal Ed. Xerais.
 MACEIRAS, ANDREA, Violeta Tamurana, Baía Edicións
 FERNANDEZ NAVAL, FRANCISCO, Suso Espada “Nota Roja” Ed. Everest.

5ª CATEGORÍA (3º e 4º de ESO e Bacharelato):
 NÚÑEZ SINGALA, MANUEL, Menú de enganos, Ed. Galaxia.
 MARCOS CALVEIRO, Settecento, Ed. Xerais.
 CASTRO, FRANCISCO, O segredo de Marco Polo, Ed. Galaxia

6ª CATEGORÍA ( ADULTOS):
 ALONSO, XULIA, Futuro imperfecto, Ed. Galaxia.
 PORTAS MANUEL, Denso recendo a salgado, Ed. Xerais.
 REIGOSA, CARLOS, A lei das animas, Ed. Galaxia.

14.9.11

MEMORIA DUNHA MULLER PEGADA A UN LIBRO: POR MARTA DACOSTA



Di unha curmá de meu que son unha muller pegada a un libro. Si, como tantas outras mulleres e homes que teñen na lectura un dos seus praceres predilectos. Cando isto sucede, os libros convértense en chanzos da memoria e os textos ilumínanse cos sucesos da vida propia, lente a través da cal ler e interpretar.

A Gramática elemental del gallego común, de Carvalho Calero, foi a obra que me introduciu á escrita literaria. Na cociña da miña primeira casa, sentada contra a porta e mirando cara a aquela ventá pola que cantaba de cativa, escribín a primeira obra literaria. Cantos anos tiña? Oito ou menos, seguro, aínda que se lle preguntan á miña nai vai dicir que tiña seis, ou así. Todo comezou porque descubrín na Gramática de Carvalho palabras que non coñecía, entre elas “coco”, na súa acepción de verme, usada por Carvalho para exemplificar a diferencia de abertura vocálica, fechada nesta acepción, fronte ao timbre aberto da palabra homógrafa que significa “xestos”. Con este pretexto naceu unha obriña de teatro na que rifaban o cura e mais a criada porque os “cocos” comeran o queixo.

Tres anos despois, A illa do tesouro, de Stevenson, foi o primeiro premio literario. Como calcular a importancia deste feito para unha nena que se viu transplantada a un centro escolar en que todo lle era alleo? Un día, a mestra, unha monxa, felicitoume polo meu texto, logo veu o certame literario, subirme ao escenario, recoller o premio. Foi o libro que máis veces lin na miña vida, porque me gustaba, se cadra porque inconscientemente significaba o camiño cara á confianza en min mesma.

Neses anos o salón da miña casa adornouse cunha desas coleccións encadernadas en pel, un andel de libros de cor granate idénticos na altura. Eran case tan intocábeis como o resto do salón, cousas de pobres aos que tanto lles custa amoblar a casa que converten en obxecto sagrado un simple sofá. Coincidiu que no fondo do armario do corredor apareceron os libros do meu pai. Estaban nalgunha caixa ou nalgunha bolsa, todos encadernados en papel de estraza azul, algúns deles roídos dos ratos. Tiña tempo, saqueinos, desencardeneinos e limpeinos. E apareceu o mundo.

Eran todos primeiras e segundas edicións de Galaxia, libros comprados a principios da década de 1960, antes de nacer eu. Seica había máis, mais quedaran no centro cultural da parroquia en que nacera meu pai, e á nosa casa do centro de Vigo só chegara unha ducia, ou menos. Algúns linos veces e veces durante a adolescencia, outros agardaron a máis tarde. Aínda non era completamente consciente do seu valor, se cadra por iso nas páxinas de Cantares Gallegos están anotados os acordes de guitarra cos que pretendía poñerlle música a algúns daqueles poemas: “Ora meu meniño, ora...”

Nas longas horas do verán solitario foron Migueliño, Pancho, a señora Micaela, a princesiña os que me acompañaron desde as paxinas marelecidas de Cousas, con aquelas ilustracións que nunca se borrarán da memoria. Imaxinaba tamén que eu era a meniña gaiteira... Mira ti, por onde me deu! Mesmo lin a Cuevillas, mais non fun quen de lle meter o dente ao Señorito da Reboraina, que debeu agardar aos anos da universidade, para completar as lecturas obrigadas de Otero Pedraio.

Cousas da vida, que diría Castelao. Foron aqueles libros esquecidos no fondo dun armario os que primeiro devorei e os que me marcarían para sempre. Velaquí o meu mapa de Domingo Fontán.

Cando xa non podía darlles outra volta máis, atrevinme coa decorativa colección do moble do salón, e aquela moza enfadada co mundo, como corresponde á idade adolescente, sentaba sempre na mesma butaca mentres lía Victor Hugo, Voltaire, Manzoni, Balzac, Emily e Charlotte Bronte, Dumas... Como Eleanor Parker en “The Naked Jungle” (“Cando roxe a marabunta”) descubría que aqueles libros comprados seguindo unha directriz estética estaban coidadosamente seleccionados, indicaban “un gusto depurado”, aínda que non fora o meu mito de entón, Charlton Heston e a súa inesquecíbel personaxe Christopher Leiningen, o que fixera a selección.

Desde entón levo canda min o gusto pola literatura chamada romántica e esa inclinación tan entendíbel polas irmás Bronte e outras escritoras da súa época. Ou o desexo de que a obra literaria dea conta do mundo, procure abrirnos as feridas e facernos sangrar ante a realidade que nos supera.

Os anos pasaban e seguía escribindo. O ensino secundario foi o lugar no que os poemas saíron á luz, e outra vez un libro, Poeta muiñeiro á deriva, de Fiz Vergara, marca co inconfundíbel formato da colección Ventobranco de Xerais e os debuxos de Laxeiro o ano 1982, segundo premio do certame das Letras Galegas.

Cinco anos despois, era xa o primeiro premio de poesía “A Peneira”, un certame para poetas novos que me permitiu publicar varios textos nas páxinas do xornal co que mantería relación até a súa extinción, nestes anos escuros do século XXI. Despois de recoller o premio na discoteca Xanadú, en que o xornal fixera unha festa e onde escoitei por primeira vez a Uxía cantando con Na lúa, fun co meu vale á sede de Edicións Xerais en Doutor Marañón e sei que, entre outros, saín de alí con outro libro de poesía da colección Ventobranco, ilustrado esta vez por Xosé Guillermo, e un ensaio. Eran Se o noso amor e os peixes..., de Bernardino Graña, e Os anos escuros, I, de Franco Grande, respectivamente. Os libros sinalan a data, 12 de novembro de 1987, constatando para sempre a memoria daquela segunda satisfacción literaria.

E chegaron os anos de Compostela, finalizaba a década de oitenta e eu lía Se o noso amor e os peixes..., de Bernardino Graña, Arquitecturas de cinza e Praia das Furnas, de Xosé María Álvarez Cáccamo, Ferida acústica de Río ou O varredor en outono, de Manuel Forcadela, Seivas de amor e tránsito, A casa dos afogados de Miguel Anxo Fernán Vello, e outra vez Bernardino Graña, o inesquecíbel e imprescindíbel Profecía do mar. Da casa materna ás rúas de Compostela, no tren e entre as horas de estudo, a poesía ocupaba un tempo precioso, mentres ía construíndo desde o tellado da primeira casa na rúa dos Xasmíns Crear o mar en Compostela, o primeiro libro.

Daqueles anos quedou a descuberta da literatura portuguesa nas aulas de Filoloxía: Retalhos da vida dum médico de Fernando Namora, Crime da aldeia velha de Bernardo Santareno, a peza que logo vería representada no Instituto Fernando Blanco de Cee nunha visita á vila con motivo dalgunha xornada cultural na que compartín as horas cos amigos do Batallón Literario da Costa da Morte. Mais sobre todas as memorias daquel tempo está Cunqueiro, cada páxina de O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca. Máis alá da lectura, o teatro: a postura corporal e a voz que creaba unha das personaxes do Coro, a anciá: “Benvidos a Elsinor señores, aquí en Elsinor todo temos pechado por mor do vento...”. O alumnado de filoloxía poñía en marcha en 1988 o grupo de teatro de Galego, por primeira vez.

Co andar dos anos a memoria é a imaxe da néboa que dende o mar penetra Miño arriba. Todo é un pouco máis confuso, faltan os detalles, as imaxes esvaécense na urxencia dos días, e a penas queda ese momento no autobús que unía O Milladoiro con Compostela, o libro El ojo de la mujer de Gioconda Belli acompañando eses breves traxectos, a feliz recomendación do amigo para a nai que vai ser e que anda a escribir os poemas de Pel de ameixa.

Hai tantos libros que a memoria arrombou xa e que agardan nos andeis a seren preguntados. E ti, que me trouxeches naqueles días gastados? Tiráchesme do pozo unha tarde de sábado, cando sucumbín ao peso das insidias, como fixeron os poemas de Alfonsina Storni? Ou acaso calmaches a dor que me invadía prostrada no sofá como Geração utopia, de Pepetela, fixo? Se cadra é o propio libro a memoria, cando o narrado transcende a alfándega do papel e é a realidade mesma, como Os ollos de K., de Riveiro Coello, que quedaron extraviados, tal e como a novela narraba, na mesa dun restaurante romano e debín desandar o camiño para recuperalos.

Se paro de vagar diante do andel dos libros, e repaso cos dedos os seus nomes, lentamente me veñen as imaxes do pasado e o pracer que sentín cando me deixei levar por entre as páxinas abertas até todos os lugares que no mundo existen e a tantísimos outros que din imaxinado. Como os mobles de caoba e carei nos pazos doutros séculos, gardan nos seus caixóns os momentos vividos e tamén os remedios que curaron tristura e soidade.

Son parte da memoria, ou a memoria mesma.




Marta Dacosta Alonso (Vigo, 1966), licenciada en filoloxía galego-portuguesa, docente en Ensino Medio. Ten publicados os poemarios Crear o mar en Compostela (premio de poesía O Grelo 1993), Pel de ameixa (premio González Garcés 1995) Setembro (premio Martín Códax 1998), En atalaia alerta (accésit do premio de poesía Esquío 1999), As Amantes de Hamlet (Edicións Espiral Maior 2003) e Cinza (2009). Outras das súas publicacións son Análise práctica de Con pólvora e magnolias, X. L. Méndez Ferrín (Sotelo Branco, 1994), Baixo Miño (Colección viaxes literarias, Xunta de Galicia, 2009) e Un mar de mulleres (libro para a exposición do mesmo título, 2011). A súa obra poética aparece recollida en diversas obras colectivas e antoloxías. Tamén algún dos artigos que vén publicando en diversos medios desde 2004 está recollido en Feijóo, o galego e nós, Edicións Laiovento. Investigou sobre a sitaxe do galego medieval e a súa reflexión literaria céntrase no papel da muller escritora, na súa xeración ou no significado simbólico do mar na poesía galega. Ten analizado a obra de autores como Manuel María, Victoriano Taibo ou Méndez Ferrín. Podemos seguir as súas reflexións e creacións literarias en: http://www.blogoteca.com/acuatica07/

13.9.11

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ: VII PREMIO IBEROAMERICANO SM





O escritor galego Agustín Fernández Paz obtén o VII Premio Iberoamericano SM Literatura Infantil e Xuvenil.



Autor de A cidade dos desexos e As flores radiactivas, o narrador galego recollerá o galardón o vindeiro 29 de novembro, no marco da 25 Feira Internacional do Libro de Guadalajara

Polo "seu compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega", o escritor galego Agustín Fernández Paz, autor das novelas A cidade dos desexos, As flores radiactivas e O laboratorio do doutor Nogueira, entre moitos outros títulos, é o gañador do VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, dotado con 30 mil dólares, que será entregado no marco da 25 Feira Internacional do Libro de Guadalajara.

Nacido en Vilalba, no 1947, Agustín Fernández Paz é autor de máis de 45 obras dirixidas aos lectores infantís e xuvenís. Os seus libros, escritos orixinalmente en galego, tradúcense habitualmente ao español, o catalán e o eúscaro, ademais do coreano, portugués, francés, árabe e italiano. O xuri que lle otorgou a sétima edición do Premio SM, estivo integrado polos escritores e acacémicos Verónica Abud, Julia Calzadilla, Teresa Colomer, Alicia Molina e Xavier Senín, os que destacaron do autor “a súa extensa obra narrativa, que aborda unha grande diversidade de xéneros e temas”.

Fernández Paz foi recoñecido en dúas ocasións como Mellor Autor do Ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia, e no 2007, pola Asociación Galega de Editores). Tamén levou o Premio ao Mellor Libro Infantil do Ano, que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. O seu libro O único que queda é o amor obtivo no 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que concede o Ministerio de Cultura de España. Na súa acta, o xuri do Premio SM referiu que o gañador “constrúe personaxes entrañables […] e ambientes onde se destaca a presenza do misterio na vida cotiá”.

Fundado no 2005 co obxectivo de impulsar a literatura infantil e xuvenil en Iberoamérica, o Premio SM é convocado anualmente pola Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), a International Board on Books for Young People (IBBY), a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC), coa colaboración da FIL Guadalajara. Os gañadores anteriores foron Juan Farias, Montserrat del Amo y Gili, Bartolomeu Campos de Queirós, María Teresa Andruetto e Laura Devetach.

12.9.11

JORDI SIERRA I FABRA NO INSTITUTO CERVANTES




Por vez primeira na historia da literatura infantil e xuvenil, un autor deste xénero consegue ingresar como membro do Padroado do Instituto Cervantes. Este órgano é o que se encarga de orientar as actividades do instituto, unha das institucións culturais españolas máis importantes.

Jordi Sierra i Fabra (Barcelona, 1947) é un dos máis prolíficos autores do panorama literario español, con nove millóns de libros vendidos e máis de vinte premios literarios.

O escritor declarou sentirse ”orgulloso, pois formo parte dun colectivo que non sempre foi tratado con xustiza, e a pesar de que son da xeración que fixo ler aos nenos e mozos en democracia, polo xeral seguimos sendo invisibles ante os medios de comunicación e descoñecidos entre o público en xeral. O peso da LIX na actual literatura do noso país finalmente non pasou desapercibido e ese é o verdadeiro premio”.

Desde Gálix, celebramos esta nova.

8.9.11

CERTAME INTERNACIONAL DE ILUSTRACIÓN



A Fundación Cultural CJ, organiza un certame internacional de ilustración dirixido a libros ilustrados inéditos. As obras poderán ser enviadas ata o 31 de outubro do ano en curso. O xurado estará composto por integrantes de nacionalidade coreana. Podedes ver as bases aquí.

6.9.11

Bienal de Bratislava



Un ilustrador vasco gaña unha placa na Bienal de Ilustración de Bratislava polo seu traballo Bombástica Naturalis.

Un peculiar álbum de botánica escrito e ilustrado por Iban Barrenetxea, ilustrador que demostrou ter unha voz propia e un estilo inconfundible, minucioso e detallista, caricaturesco e decimonónico.

En palabras do seu creador: “En realidad no se trata de un proyecto personal, sino de la reedición de un libro de botánica del año 1810 que hasta hoy se creía perdido".

O gran premio levouno a ilustradora de Corea do Sur Eunyoung Cho.

1.9.11

RETOMAMOS A ACTIVIDADE



Empeza setembro e o noso blog volve a súa actividade habitual cunha feliz nova. O certame de contacontos Tierras del Torío acaba de premiar á actriz galega Raquel Queizás
A actriz presentou o espectáculo «El cesto de los cuentos», que recibiu o segundo premio, dotado con 800 euros.
«A contada recolle lendas do mundo e contos populares da nosa terra. Moitos deles escoiteinos de nena nas feiras en Verín, na pulpeira onde traballaba a miña avoa, outros contos soubenos a través dela e dun tratante de gando portugués o que todos lle chamaban o Bacallau», explicou a actriz.
Desde Gálix, alegrámonos moito por este recoñecemento. Parabéns, Raquel!