Hoxe deixounos Maurice Sendak, á idade de 83 anos, para marchar navegando "a través das noites e dos días, semana tras semana, durante case un ano enteiro, ata chegar ao lugar onde viven os monstros".
Este recoñecidísimo autor e ilustrador estadounidense foi galardonado coa medalla Caldecott en 1964 e o premio Boston Globe-Horn en 1981. En 1970 recibiu o Premio Andersen e máis recentemente en 2003 acadou o Premio Internacional Astrid Lindgren de Literatura Infantil xunto con Christine Nostlinger.
O New York Times elexiu Onde viven os monstros (1963) como mellor libro ilustrado da época e foi título destacado pola Asociación Americana de Bibliotecas. Dende entón convertiuse nunha das obras infantís máis vendidas, prestadas e traducidas a outras linguas.
A editorial Kalandraka publicou en xaneiro de 2010 unha terceira edición e Spike Jonze rodou a versión cinematográfica. Sen dúbida un autor que, sen estar exento de polémicas durante toda a súa traxectoria, soubo postularse coma un dos grandes clásicos da literatura infantil de todos os tempos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario en la entrada